Un xubilado moi activo que practica boxeo dúas horas ao día
Despois de ser axente de policía durante máis de 40 anos, ao retirarse buscou actividades para liberar tensión e ata acabou sendo instrutor deste deporte de loita
Un ourensán xubilado practica dúas horas ao día de boxeo. Foi policía nacional máis de 40 anos e cando se retirou decidiu seguir activo e ata é profesor deste deporte que asegura que o mantén en forma e que o desestresa.
Para Quique Camoeiras, xubilarse non significa parar.
"Nin moitísimo menos, eu xubílome e en vez de estar vendo obras estou nun ximnasio practicando boxeo".
Foi policía nacional durante 41 anos. Con 60 colgou o uniforme e puxo os guantes de boxeo, practícao dúas horas ao día e mesmo dá clases de iniciación.
"O boxeo axúdache a desestresarte, o feito de darlle golpes ao saco libérate do estrés acumulado, dáche confianza, seguridade en ti mesmo e ganas enerxía e vitalidade".
Tamén fai kick boxing e ten cinco cintos negros en artes marciais.
"Por ingresar na Policía Nacional metinme nas artes marciais, porque a estatura xa ves que son pequeno, pouca cousa, entón co cinto negro dábanme dous centímetros, fixen taekwondo, judo e logo quería cousas máis fortes".
Así foi como chegou ao boxeo. E encantado está coa súa xubilación activa, o que recomenda a todas as persoas que deixen de traballar.