Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha empresa de Bergondo monta o Belén de Playmobil máis grande de Galicia

Unha empresa de Bergondo monta o Belén de Playmobil máis grande de Galicia

O nacemento está na sede da empresa Genesal Energy e pode visitarse en horario laboral

G24.gal 15/12/2024 21:16

A cidade da Coruña, a cultura pop e Astérix e Obelix son os fíos temáticos do Belén de Playmobil máis grande de Galicia. Ten máis de mil figuras e está cheo de pequenos detalles que sorprenderán os visitantes. O nacemento está na sede de Genesal Energy, no polígono de Bergondo. Non agarden ver un belén tradicional.

 "Está inspirado na cultura pop. Aquí podes atopar a King Kong, o equipo A, a Magnum, a María Pita en versión moderna...", explica Julio Arce, belenista e un dos CEO da compañía.

Un belén anacrónico e xigante con dous ciceróns galos que guían a mirada do visitante por lugares recoñecibles da cidade da Coruña, versionada en formato Playmobil. 

"Astérix e Obélix andan por Exipto e entran nunha especie de portal temporal e rematan en Brigantium, a antiga Coruña. Os dous pasean pola cidade, onde a fenda temporal deu entrada a todos", detalla.

Ese portal temporal explica que poidamos ver os cazafantasmas empolicados no edificio do Banco Pastor ou os xogadores do Basket Coruña en plena loita de gladiadores. Hai lugares moi identificables a simple vista e outros para os que cómpre botar man da imaxinación. Na aldea gala, por fin, está o portal.

O belén é unha das actividades de Nadal que organiza a fundación Genesal para os seus traballadores, pero está aberto ás visitas en horario laboral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade