Unha panadería de Viveiro con máis de 60 anos de historia fará pan co seu propio trigo
O cereal sementado é dunha variedade autóctona tremesiña, que se collerá en agosto
A emblemática Panadería de Galdo, en Viveiro, ten o seu propio forno dende 1961, pero ata agora nunca elaborara pan co seu propio cereal.
Isto vai mudar este ano, posto que a terceira xeración de panadeiros decidiu sementar o seu propio trigo, en concreto da variedade autóctona tremesiña, que se colleita aos tres meses de sementala.
Elixiron este tipo de trigo por ser o que mellor se adapta ás condicións desta zona da Mariña. Cultivárono nun terreo próximo á panadería, onde prevén recollelo o vindeiro mes de agosto.
Luis Pérez, panadeiro: "Queremos recuperar ese tipo de sabores, conseguir que saiba a cereal e que teña unha humidade que o manteña fresco durante días. O pan ten que envellecer, e de paso vai cambiando de sabor, cada día cun sabor diferente".
Unha vez recollido o cereal, moerano para elaborar un novo produto. Pero antes prevén celebrar unha malla tradicional coa participación dos veciños da parroquia de Galdo.
Luis Pérez, panadeiro: "Queremos mostrarlle a unha xeración de xente nova como é a malla tradicional galega. Como se recolle o trigo, como se fai a meda, eses mollos, para podelos meter na máquina e que saia a palla por un lado e o gran polo outro".
Actualmente, nesta tafona elaboran, entre outros produtos, pan con outras variedades de fariña autóctonas, como son o callobre, o grandal ou o caaveiro.