Unha praga de pulgas mantén alporizado un barrio de Vilaboa vai para un mes
Nin fumigacións nin químicos, nin sequera o lume puido acabar con elas
Levan dúas fumigacións e nada, quedaron como estaban. A veciñanza do barrio de Acuña en Vilaboa está ata arriba de pulgas. Non saben moi ben de onde veñen pero achácano a un colchón infestado delas, que apareceu tirado no lixo. Así nolo conta Carlos Bas, xefe do servizo de Emerxencias de Vilaboa.
"Parece ser que foi a raíz dun colchón abandonado que estaba infestado, iso é o que a nós nos consta, e a raíz de aí pois estendeuse pola zona e ao ser exterior, ao aire libre, é moi difícil de controlar".
A veciñanza leva un mes sufrindo as picadas cando camiñan pola rúa, cando van guindar o lixo.
Botáronlle químicos, insecticidas, mesmo o queimaron cun soprete, pero non fixo efecto. As pulgas seguen campando ás súas anchas en humanos e animais domésticos. Quéixanse de que así non poden estar, nin nun negocio nin nunha casa nin na rúa.
Á espera dunha nova e prometida fumigación municipal, neste barrio apenas se aventuran saír por este lugar para evitar o risco de rañarse seguido.