Unha tarde no faideiro da Casa do Patrón de Lalín
Unha mostra do proceso de transformación do liño como parte do noso patrimonio
Recordan o papel comunitario que xogaban os faideiros noutra época
Na casa do Patrón, en Lalín os fusos, as rocas e o tear volveron facer o seu traballo nas mans das tecedeiras. Todo cun obxectivo: recuperar unha tradición, a do liño, e coñecer o seu proceso de transformación comunitario.
Aló polo mes de abril fíxose a sementeira. En xullo chegou a arriga e co liño apañado comezou o proceso para a obtención da fibra.
"Quitámoslle a semente, levámolo ao río e témolo aquí seco. Agora estano mazando, trátase de romper a fibra para que sexa fácil de traballar. Despois hai que espadelalo, quitarlle o gordo, o que lle chaman os tascos, que tamén se aproveitaban. Despois restrélase para deixalo listo para fiar. O fío ripado pasa ás rocas para fiar, co fuso e a roca. O seguinte paso é ensarillar" relata Lola Varela, a guía do fiadeiro
É a hora de cocer o liño con auga e borralla de carballo para branquealo e despois facer os novelos e podelos tecer no tear. Un traballo laborioso feito á man e ao son dos cantos marcados polo pedal da tecedeira.