Unha veciña de Muros topa unha perla morada nun prato de ameixas
Podería estar valorada nuns 4.000 euros
Calquera molusco pode crear perlas
Unha veciña de Muros pediu ameixas á mariñeira e atopou algo sorprendente. Cando abría os bivalvos, deuse de conta de que un deles contiña unha perla no seu interior.
O prato que estaba comendo Natalia no seu propio restaurante gardaba unha sorpresa extraordinaria: un obxecto esférico e duro que case lle rompe un dente e resultou ser unha perla pequecha de cor morada.
Deseguida buscou información. Pensaba que as perlas só medraban nas ostras, pero todos os moluscos poden crealas. A probabilidade, iso si, é baixísima, segundo explica o biólogo da confraría de Noia, Antonio Rama.
Noutros achados recentes, perlas semellantes a esta foron taxadas en 4.000 euros. Natalia di que quere vendela.
O bivalvo, de especie xapónica, procedía dos bancos marisqueiros de Noia. Ademais do obsequio que contiñan, di Natalia que as ameixas estaban moi boas.