Xunta e concellos traballan en proxectos saudables comunitarios para previr enfermidades
O proxecto busca previr enfermidades actuando nas contornas dos cidadáns
A Consellería de Sanidade avanza na Rede Galega de Promoción de Saúde. Un proxecto que busca previr enfermidades actuando nas contornas dos cidadáns. Traballan con concellos, colexios, centros sociais e asociacións de veciños, cunha mensaxe: A saúde debe estar presente en todas as políticas.
A subdirectora de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables explica que "hai moitos máis factores que a sanidade que condicionan a saúde das persoas. O lugar onde vivimos, o noso nivel socioeconómico, as infraestruturas que existen".
Nunha guía, a Escola de Arquitectura planifica cidades saudables. Ester Higueras é Profesora de Urbanismo e concreta que é saudable "un barrio que invite a camiñar, porque camiñar é saúde. O segundo que sexa verde, para o beneficio físico e psicolóxico das persoas pero o terceiro e tamén moi importante é que teñamos espazos en que a xente poida falar e conectarse".
A Rede Galega de Promoción da Saúde ten a tarefa de aproveitar eses recursos onde os haxa, para promover saúde. E entre outros proxectos traballa en Atopa Saúde, un buscador en que encontraremos "persoal especialista en saúde pública vai traballar no propio territorio con persoal dos concellos, centros de saúde, cos colexios...", conta Alba Regueira, coordinadora da Rede Galega de Promoción da Saúde.
Da man da Federación Galega de Municipios e Provincias, comparten proxectos saudables porque a saúde, din, ten que estar en todas as políticas.