11 anos de cárcere para un ourensán que abusou sexualmente da filla da súa curmá
O tribunal considera probado que, cando a menor tiña entre 9 e 13 anos, o condenado acompañábaa ao seu cuarto para realizarlle tocamentos e que mesmo a violou

A Audiencia Provincial de Ourense condena a 11 anos e medio de prisión a un home que agrediu sexualmente á filla da súa curmá desde que tiña nove anos e que a violou cando contaba con 13, despois de golpeala e ameazala cunha navalla.
O tribunal considera probado que, entre os anos 2009 e 2013, o condenado "acompañábaa ao seu cuarto co pretexto de xogar á consola" e, unha vez alí, realizáballe tocamentos.
Ademais da pena de prisión, os maxistrados tamén lle impuxeron 12 anos de liberdade vixiada así como a prohibición de achegarse a menos de 300 metros da vítima e de comunicarse con ela, en calquera forma, durante 12 anos.
En concepto de responsabilidade civil, deberá abonarlle á prexudicada 25.000 euros por dano moral.
O fallo non é firme, pois contra el cabe presentar recurso ante o TSXG.