Falece un operario dunha granxa en Calvos de Randín ao sufrir un accidente cunha máquina cargadora
O home, de 44 anos, foi golpeado por unha máquina cargadora que estaba a ser desprazada
Un operario dunha granxa morreu a noite deste pasado luns na localidade ourensá de Calvos de Randín tras sufrir un accidente cunha máquina cargadora.
Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron dez minutos antes das 23:00 horas e foi un particular o que alertou os xestores de emerxencias solicitando asistencia sanitaria para un traballador que fora golpeado por unha máquina cargadora que estaba a ser desprazada.
Avisouse os servizos de Urxencias Sanitarias, que acudiron ao momento, aínda que nada puideron facer por salvarlle a vida ao operario. Tamén foron informados o GES de Muíños, a Garda Civil e os membros de Protección Civil de Calvos de Randín.
O camión seguía esta mañá no mesmo lugar onde aconteceu o accidente. Apenas empezaran o traballo cando se desencadeou a traxedia.
Estaban cargando uns polos para levalos da granxa ao matadoiro de Coren. Descargou dous palés e meteunos na granxa, tamén un terceiro que deixou fóra, e cando se dirixía para atrás, por un despiste ou o que fora, arrolouno e xa non se puido facer nada", explica Julio Rivero, do GES de Muíños
O falecido é un home de 44 anos, veciño da Teixeira. Habitualmente conducía un camión frigorífico, pero desta vez substituía un compañeiro. Segundo nos asegurou o dono da granxa, que non quixo falar a cámara, é habitual sacar os polos de noite, cando están máis calmos, e son empresas externas á explotación as que se encargan deste labor.
"Parece ser que hai seis camións que cargan ciclicamente en quendas dunha hora, que é o que lles leva. Os camións son de autónomos que se dedican ao transporte de animais e a carga dos polos, as máquinas e o persoal, son doutra empresa diferente", comenta Rivero.
Agora ábrese unha investigación para determinar as causas do atropelo e se se respectaban ou non as condicións de seguridade laboral.