Pasaxeiros do avión que lle deron ao Sevilla rexeitan as compensacións das aeroliñas

Seguen coordinándose para unha demanda colectiva

G24.gal 09/11/2023 14:53

Tres días despois do que pasaron en Peinador, as aeroliñas comezaron a poñerse en contacto por correo electrónico cos pasaxeiros que quedaron en terra o pasado sábado, mentes vían os xogadores do Sevilla subirse ao seu avión.

Primeiro foi Air Nostrum, a filial de Iberia. Nun correo electrónico ofreceulles un billete de ida e volta para dúas persoas a calquera destino directo en que opera a compañía que poderían gozar ata decembro de 2024.

Rubén Cabaleiro foi un dos 95 pasaxeiros que quedaron en terra. Ve nese correo un lavado de cara da aeroliña. Di que "por exemplo, desde Vigo practicamente o único voo directo que hai é a Madrid. E se non ten que ser desde Madrid a outros destinos. Pero un pasaxeiro de Bos Aires tería que vir a España para poder usar ese voo de balde".

Horas despois, era Iberia a que lles ía confirmando a compensación mínima á que teñen dereito no regulamento europeo por cancelación de voo. 

Outra pasaxeira, Silvia Caíño, explica que "hai algúns que lles dan os 250 euros pertinentes a unha cancelación e piden desculpas. Nada máis. Pero é que esta mañá chegoulle un correo a un compañeiro meu onde non lle ofrecen nada. Absolutamente nada. Din que a cancelación é por un problema antes do embarque".

Séntense dobremente discriminados e están decidindo non contestar. "O noso voo chegou a Vigo. O que pasa é que esta xente decidiu polos motivos que sexa prestalo ou cedelo a outra xente. Polo tanto para nós non e unha cancelación do voo. É outra cousa. Nós sufrimos un trato discriminatorio", asegura Juan Gómez.

Seguen coordinándose para reclamar de xeito conxunto os danos sufridos ao non chegar aos seus destinos e á falta de transporte e aloxamento da noite do sábado en Vigo. E queren impedir que isto volva pasar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade