Xuízo do Alvia: "O que me axuda é loitar pola xustiza e irllo contar ao meu fillo ao cemiterio"
Os familiares das vítimas do Alvia poñen en valor no xuízo os dez anos de reivindicacións da plataforma
Proseguen as comparecencias do longo xuízo do accidente do Alvia para a avaliación dos danos e as correspondentes compensacións para as vítimas.
Na sesión deste xoves algúns familiares volveron poñer de manifesto que a loita pola verdade e a xustiza é o único que verdadeiramente lles axuda a afrontar a dor, tal como expresou o pai dun tripulante de cabina do tren, falecido no descarrilamento.
"Eu ao principio fun a unha psicóloga, pero estiven pouco tempo. A min o que me axudou é a loita dos dez anos que levamos", explicaba Rogelio Bernardo Brotón.
"Para min valeu moito colaborar coa xustiza presentando documentos que outras institucións tardaban en presentar e por iso eu vou ver ao meu fillo todos os sábados ao cemiterio e coméntollo e a verdade é que me relaxa falar con el da nosa loita", dixo na vista oral.