As vítimas do Alvia denuncian horas de desinformación tras o accidente: "Dicíannos que era un atraso"
As vítimas do Alvia denuncian horas de desinformación tras o accidente: "Dicíannos que era un atraso"
Os afectados apelan no xuízo ao Estatuto da vítima para denunciar dano moral por revitimización polas obstrucións de organismos oficiais na investigación
Na terceira semana da fase civil do xuizo polo accidente do Alvia continúan as declaracións ao ritmo habitual. Entre martes, mércores e xoves está previsto que comparezan unhas 40 testemuñas. Na sesión de hoxe, fíxose patente de novo a dificultade que supón rememorar unhas vivencias tan dramáticas. Terribles para os que ían a bordo do tren, pero tamén para os que os agardaban.
Máis dunha das testemuñas desta mañá fixo fincapé no dano sufrido pola falta de información, e mesmo pola desinformación, na que os mantivo Renfe durante horas. Unha muller que fora recoller o seu fillo de 15 anos lembrou a desesperación das horas de espera sen que lles deran información directa na estación da Coruña.
"Eu non o perdoo; é unha das cousas que non perdoo, porque nun primeiro momento non me dixeron pasou isto".
Sobre a unha da mañá, aínda na estación onde lles dicían que chegarían en autobús, a nai oíu de novo a voz do seu fillo que a chamaba desde o hospital onde conseguiu que alguén lle deixara un teléfono.
A maxistrada, unha vez máis, tentou reconducir aos comparecentes cara ao obxectivo da vista que é valorar os danos e ás secuelas do accidente.
"Sinto moito o seu desgusto, pero esa desinformación e ese desasosego que senten non é obxecto de reclamación aquí".
Amais dos efectos directos do sinistro, algún dos afectados apelou ao estatuto da vítima para denunciar tamén o dano moral pola revitimización que din que sufriron por culpa da actitude obstrucionista de Renfe e do Adif durante a investigación. Algo que os obrigou "a botarse á rúa" con manifestacións para denuncialo.