30 anos do crime no Cash Récord do Ceao, un crime sen resolver
Unha ou dúas persoas entraron no almacén e mataron a tiros dous traballadores do supermercado
Un día como o de hoxe de hai 30 anos Elena López e Esteban Carballedo recibiron varios disparos mentres estaban traballando no almacén deste supermercado do Ceao en Lugo. Un ou dous atracadores entraron no local, levaron máis de tres millóns e medio das antigas pesetas e acabaron coa vida dos dous empregados. Elena era caixeira, tiña 32 anos e dous fillos; Esteban, de 26, era repoñedor. A arma coa que se cometeu o crime nunca foi localizada, os asasinatos nunca aclarados.
O único sospeitoso, Manuel Juan Alvariño, hostaleiro de Burgos que daquela rexentaba un bar en Lugo onde presuntamente se vendían drogas e armas xulgárono en 2023. Foi 29 anos despois e grazas á loita incansable e persistente das familias. Falabamos con elas o ano pasado cando souberon que Alvariño sentaría no banco dos acusados.
Porén e malia que estaban convencidas de que era o sospeitoso correcto, quedou absolto por falta de probas. Tamén malia que a sentenza recoñeceu o esforzo da acusación para completar unha investigación "claramente deficiente". Tres décadas despois o crime segue sen resolverse, o caso quedou impune. Elena e Esteban seguen sen ter xustiza, teñen, porén, o recordo colectivo da cidade de Lugo.