Máis de 800 deportistas participaron en Santiago no torneo Xacobeo de ximnasia rítmica
Tamén houbo unha gala de exhibición na que participou a alemá Darja Varfolomeev, medalla de ouro nos Xogos de París
Cos grupos de nivel base e coa competición masculina rematou, este domingo, en Santiago o torneo Xacobeo de ximnasia rítmica, no que participaron 800 ximnastas.
"Gústame moito que os ximnastas masculinos somos moi artísticos, dedicámonos moito nos exercicios, hai exercicios que teñen moita forza e creo que iso está xenial", asegura Martín Casal, do Club Viravolta Santiago.
Organizado polo club Viravolta, este torneo é o último antes do campionato de España que se vai celebrar en Zaragoza a próxima semana.
"Son moitos meses de traballo, moitas horas, moitas empresas e moitos voluntarios traballando para que esta fin de semana sexa algo único. Ter un evento así en Santiago, en Galicia, coas mellores ximnastas do mundo, é algo espectacular", explica Wendy Rey París, presidenta do club compostelán.
Porque á parte do torneo, o sábado celebrouse unha gala de exhibición na que participaron ximnastas da elite mundial. Entre elas, Darja Varfolomeev, a alemá que gañou a medalla de ouro no concurso individual nos xogos olímpicos de París.