O Club de Remo da Pobra xa ten unhas instalacións provisionais
Portos de Galicia puxo a disposición do club unha nave baleira nas instalacións portuarias da Pobra
No incendio que sufriu a nave do club o 5 de xaneiro só se salvou unha das 27 embarcacións deportivas que tiñan
Unha semana despois do incendio que arrasou as súas instalacións, o Club de Remo da Pobra xa ten unha nova sede provisional. Nesta nave, que pertencera a unha empresa consignataria, xa se preparaba este domingo un dos equipos do club, xusto antes de saír a adestrarse.
"Levamos aquí menos de 24 horas, intentando adaptar as instalacións aos barcos nosos. A verdade é que a nave é moi ampla, é relativamente sinxelo, e tamén intentamos recuperar algún material da nave queimada, como por exemplo estantes", explica Antonio do Carmo, vogal do Club de Remo da Pobra.
Grazas a un acordo con Portos de Galicia poderán empregar estas instalacións durante polo menos catro anos.
"O venres chegouse a un acordo con Portos de Galicia, que nos entregaron a chave no momento, pero agora nós temos que solicitala administrativamente para que nola cedan. A nosa idea é nola cedan durante o tempo que se intente solucionar a nave queimada, que hai que derruíla, non se pode salvar nada", explica o vogal do club de remo.
Do incendio só se salvou unha das 27 embarcacións deportivas que tiñan. 45 anos de actividade do club estragáronse en apenas uns minutos.
"En media hora queimouse todo, 45 anos queimáronse en media hora: esa é frase que me quedou."
Grazas á axuda doutros clubs, que lles cederon embarcacións, hoxe puideron seguir coa súa actividade coma se non o perderan todo, adestrándose no porto da Pobra e competindo con tres traíñas nunha regata en Bueu.