Publicador de contidos

Publicador de contidos

A aldea de Nebra, seleccionada para a Bienal de Arquitectura de Venecia

A aldea de Nebra, seleccionada para a Bienal de Arquitectura de Venecia

Un pequeno núcleo de poboación, de apenas unhas decenas de veciños, opta a un dos premios de arquitectura máis prestixiosos do mundo

Foi seleccionada pola pavimentación das rúas que fixeron os canteiros locais con granito silvestre

G24.gal 20/01/2025 12:33

Fronte ao mar do Son, ao pé da serra do Barbanza, está Nebra, seleccionada para a Biennale como exemplo de pavimentación para núcleos rurais.

 "Nebra é unha aldea pequeniña nunha zona moi rica, porque as casas son modestas, pero todas de gran calidade construtiva. A contorna ten moito carácter, cunha capela lindísima e un cemiterio precioso con lápidas de mármore que están no chan. É como un promontorio e vese a costa", describiu José Carlos Seoane, o arquitecto encargado do proxecto de pavimentación deste núcleo.

"Vimos que había calzadas que estaban empedradas, que daban acceso aos núcleos, e que houbo unha época en que se asfaltou todo; mesmo vimos como quedaban soterradas as propias calzadas", explicou Luís Oujo, o alcalde de Porto do Son.

Foron supostas "modernizacións" dos anos 60 e 70, que non respectaron o carácter deste e de tantos outros núcleos rurais de Galicia.  

"Son lugares con topografía complexa e os obreiros teñen que adaptarse a desniveis e hai que facer mil encontros. En Galicia temos moi boa pedra, moi bo granito e aínda temos moi bos canteiros, pero por desgraza perdeuse ese vínculo, de construír vinculado á artesanía e vinculado ao material da terra", subliñou o arquitecto José Carlos Seoane. 

Para as rúas de Nebra empregouse o que denominan granito silvestre, dunha canteira a menos de cinco quilómetros. A intervención foi feita con artesáns locais, destapou nalgunhas zonas o empedrado orixinal e pretende recuperar a sombra das parras sobre as rúas.

A intención é que este tipo de rehabilitación sexa unha semente que invite á reflexión sobre o urbanismo nas zonas rurais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade