Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia da Coruña xulgará cinco acusados do asasinato de Samuel Luiz antes do verán

A Audiencia da Coruña xulgará cinco acusados do asasinato de Samuel Luiz antes do verán

O xuíz instrutor conclúe a fase de investigación e dita un auto de apertura de xuízo oral no que di apreciar a agravante de discriminación por condición sexual con respecto a dous dos acusados

G24.gal 30/01/2024 11:57 Última actualización 31/01/2024 19:13

O Xulgado de Instrución número 8 da Coruña finalizou a instrución do caso Samuel e abre xuízo oral contra cinco persoas por un delito de asasinato, ao apreciar as circunstancias agravantes de aleivosía e asañamento. O xuíz considera que existen indicios suficientes para sentar no banco dos acusados aos cinco en concepto de coautores.

Ademais, no caso de dous deles, o home e a muller con quen primeiro se atopou a vítima, considera que existe a agravante de discriminación por condición sexual. Outro dos investigados será xulgado, amais de polo delito de asasinato, polo de roubo con violencia.

No caso, que se vai xulgar con xurado popular, están presentadas, ademais da Fiscalía e das defensas, unha acusación particular e outra popular.

O xuíz relata no seu auto como no primeiro momento dous dos acusados “co propósito de causar o falecemento” da vítima, e en todo caso “sendo conscientes” de que os seus actos podían causar o fatal desenlace ou “admitindo o risco que iso comportaba” déronlle patadas e puñadas na cabeza, mentres a muller, “en unidade de actuación do ataque“, tratou de evitar que o posteriormente falecido fose auxiliado por unha amiga.

Segundo todas as acusacións, en pouco tempo uníronse á agresión outros dous varóns, que tamén serán xulgados, ademais de dous menores de idade que xa foron condenados por un delito de asasinato.

Segundo sostén o xuíz instrutor no seu auto, “nese escenario, a vítima atopábase rodeada e golpeada, inerme, a mercé e vontade do seu grupo de agresores, en clara situación de inferioridade e desamparo, sen posibilidade algunha de defensa”.

Todas as acusacións solicitan para os dous acusados que consideran que actuaron coa agravante de discriminación pola condición sexual da vítima 25 anos de prisión, e 22 para o resto dos procesados. A isto habería que sumar os 5 anos que solicitan para o acusado do roubo con violencia do móbil do falecido.

Aínda que as detencións se produciron ao pouco dos feitos, a instrución do caso foi complexa, entre outros aspectos, polas comisións rogatorias que foi necesario enviar aos Estados Unidos para poder acceder ao contido das contas en redes sociais e aplicacións similares dos sospeitosos. Unha vez finalizada a instrución do caso, está previsto que o xuízo se celebre na Audiencia Provincial da Coruña antes do verán. Polo momento, a situación persoal dos procesados non variará: tres deles seguirán en prisión e dous en liberdade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade