A borrasca Aline causa centos de incidencias en varias comunidades españolas
Este xoves foi o día máis chuvioso en Madrid desde 1920
15 comunidades están hoxe alerta por fenómenos costeiros, choiva e vento
Castela-A Mancha suspendeu as clases en todos os colexios
A borrasca Aline bateu especialmente na Comunidade de Madrid. A choiva intensa que caeu a primeira hora da tarde provocou unha chea de incidencias, sobre todo asolagamentos en rúas e ata en hospitais. Houbo complicacións en todos os accesos á capital e na práctica totalidade de tramos da M-40.
Inundáronse tamén varias bocas de metro e a auga chegou tamén ás vías do tren. Foi tanto o que choveu que se bateu un récord no centro de Madrid. Segundo Aemet, recolléronse 100 litros por metros cadrado en 24 horas, converténdose no día máis chuvioso na capital desde 1920.
O mal tempo tamén lle afectou ao servizo de alta velocidade. O AVE Madrid-Barcelona estivo pechado por unha incidencia no sistema de electrificación. Restableceuse á última hora de onte.
En Castela-A Mancha, o temporal provocou máis de 200 incidencias en Toledo, Albacete ou Guadalaxara. O vento por momentos afuracanado, botou abaixo o teito dunha cafetería de Talavera de la Reina, tirou árbores, inundáronse garaxes e vivendas, e provocou o derrubamento desta estrada. Para hoxe suspendéronse as clases nos colexios de toda a comunidade.
No sur peninsular, a borrasca Aline afectoulles a todas as provincias andaluzas, con máis de 700 incidencias. As máis afectadas Sevilla, Córdoba ou Almería, con centos de incidencias provocadas sobre todo polo vento pero tamén polas inundacións.
Hoxe, quince comunidades estarán en avisos por fenómenos costeiros, choiva intensa e vento forte.