Publicador de contidos

Publicador de contidos

A borrasca Caetano obriga a activar avisos laranxas e amarelos por vento e chuvia en Galicia

A borrasca Caetano obriga a activar avisos laranxas e amarelos por vento e chuvia en Galicia

Haberá un forte temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo, polo que cómpre manterse afastado da costa

Meteogalicia informa de ventos de máis de 80 quilómetros por hora e precipitacións superiores aos 40 litros por metro cadrado

Estado do mar esta mañá na comarca de Bergantiños / Imaxes en directo de Muxía
G24.gal 20/11/2024 17:36 Última actualización 21/11/2024 14:28

A borrasca Caetano, que entrou en España este mércores, obrigou a activar varios avisos por chuvias e ventos de nivel laranxa e amarelo en Galicia este xoves, 21 de novembro.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), este fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde as primeiras horas deste xoves no noroeste do litoral da Coruña e na Mariña lucense por vento do oeste forza 8 na contorna de Estaca de Bares, así como mar combinada do oeste con ondas de ata cinco metros mar dentro.

"As precipitacións irán entrando desde o norte e non desde o oeste como é habitual. Canto a chuvia, os avisos son para a costa norte, tamén o interior da Coruña e de Pontevedra e nas zonas de montaña de Lugo. As chuvias máis cuantiosas agárdanse en comarcas como as de Ortegal, Ferrol ou Eume, onde os acumulados poden superar con certa facilidade os 40 ou 50 litros en pouco máis de doce horas", informa Diego Viaño, do Tempo TVG.

Ante esta situación, Emerxencias -a través do 112 Galicia- informou da situación a concellos, deputacións, servizos de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos. Pide que se extremen as actividades no mar.

Ademais, Meteogalicia informa de varios avisos de nivel amarelo por chuvia acumulada puntualmente superiores aos 40 litros por metro cadrado na provincia da Coruña, especialmente en Ortegal, Ferrol e Eume. Estará activo desde mediodía ata medianoite.

Refachos superiores aos 80 quilómetros hora na comarca de Bergantiños, na Mariña e na montaña lucense, que pola tarde afectarán tamén a Ourense. Precaución, pois, pólas ou outros obxectos que se poidan desprender polo vento. 

As chuvias tamén poden chegar a ser intensas durante a tarde. O que Caetano non vai tocar son as temperaturas, que seguirán suaves para a época ou incluso cun pequeno ascenso. 

E despois da desta tarde, un venres tranquilo e para a fin de semana, máis avisos de nivel laranxa e amarelo. Haberá que estar pendente dunha nova borrasca que se anuncia abundante en chuvia e en vento forte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade