Saltan as alarmas polo estado da carballeira de San Lourenzo, en Santiago, tras caer unha árbore
Neste pequeno bosque, declarado de interese cultural, hai 88 árbores centenarias
A caída dunha árbore centenaria na carballeira de San Lourenzo en Santiago reavivou a preocupación e o malestar dos veciños. Desta volta apenas produciu danos materiais nun edificio próximo, porque caeu de madrugada, pero temen que poida repetirse e causar unha desgraza porque hai máis carballos en mal estado que poden correr o mesmo risco. Esixen medidas urxentes.
Na carballeira de San Lourenzo, declarada de interese cultural, hai 88 carballos centenarios. Este era un deles e caeu na madrugada do domingo. Por sorte apenas causou danos no edificio próximo. Pero deixou á vista as raíces, podres. Hai dous anos un informe de avaliación encargado polo Concello cualificaba o seu estado de bo, segundo conta o presidente da asociación de veciños Río Sarela, Jon Brokenbrow.
Os veciños do barrio aseguran que hai mais carballos en mal estado que corren o risco de caer e causar unha desgraza. Xa houbo algún susto cando hai dous anos unha pola alcanzou a unha moza universitaria que pasaba pola zona.
Para evitar que a carballeira se converta nun cemiterio de árbores caídas e que pase algo grave, os veciños esixen que se tomen medidas, entres elas que o concello cumpra o compromiso de podar as árbores para rebaixarlles peso cada ano.
Desde o Concello afirman que un escultor se interesou polo carballo caído e que el mesmo o retirará. Respecto do mantemento da carballeira, aseguran que se fai unha avaliación cada dous anos e un seguimento das árbores en mal estado. Din que as podas son anuais, pero a deste aínda non se fixo.