A Garda Civil mostra o traballo de todas as unidades e grupos operativos en Abegondo
Simulan desde buscas de drogas ou explosivos con cans adestrados ata un rescate con helicóptero na montaña
Estas exhibicións están especialmente dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria para contribuír a que xeren un bo vínculo coas forzas de seguridade
Probar o traxe dun axente antidisturbios ou rexistrar a propia impresión dactilar son algunhas das opcións que a Garda Civil lles ofrece aos escolares de primaria e secundaria da comarca de Betanzos. A exhibición que montan no pavillón polideportivo de Abegondo inclúe todas a súas unidades e grupos operativos.
"O que intentamos é achegarnos aos nenos, que nos coñezan e nos vexan próximos, para que se teñen algún problema poidan achegarse a nós, e que mellor maneira e facelo que a través do noso traballo".
As estrelas para o público infantil son, unha vez máis, os cans especializados na busca de drogas ou explosivos. Eles son os que localizan os artefactos que logo desactivan os axentes do TEDAX coa axuda de Mihura, o seu robot teledirixido. Pero o número forte esta vez é un rescate con helicóptero coa participación do GREIM, segundo explica Inés Amor, voceira da Comandancia da Garda Civil da Coruña.
"Imos simular que estamos nas montañas do Courel, que non pode chegar unha ambulancia e que ten que ir o Grupo de Especialistas de Montaña".
Amais de deixar unha boa imaxe do corpo, pode que a experiencia vivida esperte algunha que outra vocación.
"Agardamos que de aquí saian algúns futuros gardas civís".
