A marea vermella obriga a pechar 21 polígonos bateeiros en Galicia
Está prohibida a extracción de mexillón por presenza de toxina lipofílica
O episodio tóxico afecta todas as zonas produtoras, especialmente á ría de Vigo
O Intecmar recorda que é un fenómeno natural propio da primavera
A primeira marea vermella do ano afecta xa 21 dos 53 polígonos mexilloneiros que temos en Galicia. Neles está prohibido extraer produto pola presenza de toxina lipofílica.
"Estamos afeitos a convivir con estes episodios tóxicos, sempre veñen e son naturais, o único que nos preocupa é que o peche se prolongue moito no tempo", explica Amador Mallo, xerente de Mexilloneiras Cons do Udra.
A marea vermella afecta todas as zonas produtoras, desde Ares a Baiona, sobre todo nas bateas da boca das rías. En Vigo están pechados a metade dos polígonos, só se pode sacar mexillón nos de Redondela. Arousa está, polo momento, menos afectada.
"Está incrementando o nivel de fitoplancto onde está a toxina, podemos agardar que nos próximos días haxa máis peches", advirte Covadonga Salgado Blanco, directora do Intecmar.
Este órgano de control recorda que a marea vermella é habitual na primavera e a toxicidade atopada nos mexillóns é natural e pasaxeira.
"Tan pronto como ese fitoplancto tóxico que os moluscos inxiren desapareza da auga, os mexillóns van metabolizar as toxinas e volverán ser aptos para o consumo" aclara Covadonga.
Onde se decretou o peche, os bateeiros aproveitan para facer outras tarefas relacionados coa cría. Mentres, os que si poden traballar abastecen o mercado cun produto con todas as garantías sanitarias.