A maxia inunda o Salón do Libro de Pontevedra
Xa está en marcha unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Cumpren 25 anos achegando miles de historias a un público que foi crecendo
Este ano estará dedicado á maxia
Era unha vez un salón dedicado ós libros. No seu interior agochábanse máis de 4000 historias diferentes. Un lugar cheo de maxia sen límites para a imaxinación.
"Abrir un obxecto que se chama libro e poder meternos nel e descubrir todos os mundos posibles. Ese é a principal maxia e a maxia que máis queremos reivindicar", explica Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro.
Este salón cumpre 25 anos, un tempo en que viu crecer moitos nenos e nenas que agora forman parte desta gran familia.
"Estar aquí 25 anos despois e que isto siga tan vivo e dinámico como é ata agora", asegura Diego Bará, monitor no salón.
Kai segue unido a este salón grazas ao seu fillo pequeno, ao que lle quere transmitir esa ilusión pola lectura.
"Ves os pequenos, que están gozando coas temáticas, máquinas, cociña, libros".
Neste salón hai lagoas máxicas onde podemos crear a nosa propia aventura, pero tamén hai opción de viaxar no tempo, 66 millóns de anos atrás, sen saír deste recinto.
"Logo ímonos converter nun dinosauro, imos ter que escoller se queremos ser do grupo dos bos ou dos malos", explica a ilustradora Rena Ortega.
As historias poden ter moitos protagonistas e moitos finais. Na nosa historia os protagonistas son os receptores desas historias, os que acompañan os máis cativos na lectura e os que dalgún xeito dan vida a un salón que estará aberto ata o 17 de marzo.
E por suposto os libros que alimentan cada día a árbore da sabedoría.