Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre o tramo Palas-Melide da A-54 e o Melide-Arzúa farao en dúas fases; a primeira, no verán

Abre o tramo Palas-Melide da A-54 e o Melide-Arzúa farao en dúas fases; a primeira, no verán

O ministro de Transportes pide "paciencia" e asegura: "Xa queda pouco para ter totalmente concluída esta autovía"

Puente recomenda aos vehículos pesados que sigan usando a N-547 ata que estea aberto o último tramo

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na posta en servizo do tramo Palas de Rei-Melide da autovía A-54 (EFE/Eliseo Trigo) O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na posta en servizo do tramo Palas de Rei-Melide da autovía A-54 (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 03/02/2025 12:03

O ministro de Transportes, Óscar Puente, deixou aberto este luns o percorrido da autovía A-54 entre Melide (A Coruña) e Palas de Rei (Lugo) e avanzou que o último tramo, entre Melide e Arzúa (A Coruña), abrirá en dúas fases, unha no verán e outra antes de final de ano.

O ministro inaugurou a posta en servizo deste treito de 12 quilómetros da autovía A-54 que une Santiago con Lugo no viaduto do Pambre.

Os 16 quilómetros da A-54 que restan por abrir, entre Melide e Arzúa, entrarán en servizo antes de final de ano; unha parte no verán e o resto, no último trimestre.

"Abrimos a metade dos 94 quilómetros desta autovía desde 2019, cando abrimos ao tramo A Lavacolla-Arzúa", detallou sobre a acción do actual Goberno. O ministro pediu "paciencia" despois de tantos anos de espera e indicou: "Xa queda pouco para ter totalmente concluída esta autovía".

Os alcaldes de Melide e Palas confían en que se cumpran os prazos de finalización da autovía

Á inauguración do penúltimo treito da autovía A-54 que une Santiago con Lugo acudiron os alcaldes de Melide e Palas.

O rexedor de Melide saúda a apertura deste tramo e confía en que se cumpran os prazos para que toda a autovía entre en servizo antes de que remate o ano. "Non teño por que desconfiar da súa palabra", indicou. José Manuel Pérez Penas aclarou que o tramo que entrará en servizo no verán será o que une Melide e Santiso, duns 4 ou 5 quilómetros.

Na mesma idea incidiu o rexedor de Palas de Rei. Pablo Taboada afirma que "hoxe non é un mal día para Palas de Rei" e lembra que "levamos moitos anos esperando" pola finalización desta infraestrutura que, segundo dixo, "é moi importante para vertebrar a Galicia interior e para darlle accesibilidade ao noso concello tanto cara a Santiago como cara a Lugo".

O rexedor confía en que a autovía "afecte positivamente ao tecido empresarial do noso pobo" xa que estarán "a un paso de Santiago e do aeroporto". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade