A NASA lanza o telescopio espacial máis grande e potente da historia
O James Webb ten como misión observar o momento en que xurdiron as primeiras galaxias
Eran o 12:20 (GMT) cando o Ariane 5 acendía motores para dar o empuxón definitivo a un proxecto de máis de tres décadas e anos de atrasos, que puxeron en marcha as axencias espaciais dos Estados Unidos (NASA), Europa (ESA) e Canadá (CSA).
Un ceo parcialmente nubrado en Kurú (na Güiana Francesa) non permitiu ver de xeito continuo o ascenso do foguete nin as dúas longas linguas de lume que provocaban os seus motores a plena potencia, no que foi un lanzamento "absolutamente perfecto", indicou nunha rolda de prensa posterior o máximo responsable de Arianespace, Stéphane Israël.
O James Webb é o maior e máis potente telescopio lanzado ata o de agora ao espazo. Unha fazaña de enxeñería que foi descrita como unha máquina do tempo.
Visión inédita
Grazas a súa visión no espectro infravermello e ao seu enorme espello primario ofrecerá unha vista inédita do universo e permitirá mirar cara atrás máis de 13.500 millóns de anos para ver as primeiras galaxias que naceron tras o Big Bang, a grande explosión que deu orixe ao universo.
Equipado con catro instrumentos científicos, as cámaras, espectrógrafos e coronógrafos MIRI, NIRSpec, NIRCam e NIRISS, que contan con colaboración española, o sucesor do mítico telescopio Hubble permitirá descubrir ademais novos exoplanetas e identificar a súa composición química.
Unha vez fóra da órbita terrestre, os principais responsables das tres axencias espaciais tomaron a palabra e coincidiron en destacar a importancia da colaboración internacional para levar a bo porto este proxecto.
Colaboración internacional
O director xeral da ESA, Josef Aschbacher, o único presente en Kurú, referiuse á data en que o James Webb comezou a súa andaina e dixo que é un agasallo de Nadal "para toda a xente no mundo" que vai permitir facer nova ciencia.
O lanzamento "celebra de maneira espectacular a colaboración internacional que fixo posible esta misión de vangarda", sinalou Aschbacher, quen agregou que agora "se está máis preto dos impresionantes descubrimentos científicos" que o telescopio traerá.
O administrador da NASA, Bill Nelson, destacou que o novo telescopio nos levará "ao principio do universo", para descubrir cousas "incribles que nunca poderiamos imaxinar", o que é posible grazas a un "equipo para o que o normal é facer posible o imposible".
A administradora da Axencia Espacial Canadense, Lisa Campbell, destacou as "enormes oportunidades científicas que ofrece este observatorio único".
Despregue complicado
O James Webb diríxese a un punto chamado Lagrange 2 a 1,5 millóns de quilómetros da Terra, ao que chegará dentro de mes, período durante o que deberá superar unha serie de etapas críticas no seu despregue, que será como un complicado e milimétrico ballet.
É tan grande que se dobrou ao estilo origami para caber no foguete e nas próximas horas iniciará o seu desdobramento. Algúns destes pasos serán un fito pois é a primeira vez que se realizarán no espazo.
Deberá abrir o seu parasol do tamaño dunha pista de tenis e logo o espello primario, de 6,5 metros, que está composto por 18 hexágonos de berilio bañados nunha fina capa de ouro.