Publicador de contidos

Publicador de contidos

A profunda borrasca sobre Galicia activa avisos laranxas na Mariña e nos litorais da Coruña e Pontevedra

A profunda borrasca sobre Galicia activa avisos laranxas na Mariña e nos litorais da Coruña e Pontevedra

A xornada de Reis virá marcada pola inestabilidade atmosférica con ventos intensos de forza 8 na Mariña e a entrada de aire frío con ceos nubrados e chuvascadas xeneralizadas

Haberá mar combinado con ondas de 5 metros entre as Rías Baixas, a Costa da Morte e o golfo Ártabro

A cota de neve sitúase nos 1.000 metros coas temperaturas en descenso moderado

Imaxe da ondada no llitoral
G24.gal 05/01/2025 18:51 Última actualización 05/01/2025 20:38

A Axencia Estatal de Meteoroloxía avisa dun fenómeno adverso de nivel laranxa no mar na Mariña, por vento intenso de forza 8, que se nota desde este domingo e que se prolongará na xornada de Reis. Esténdese así o aviso laranxa que estaba activo por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra. Os refachos máximos de vento este domingo superaron os 130 quilómetros por hora en Muras e en Viveiro.

A forte ondada recrúa o día de Reis e nas Rías Baixas e na Costa da Morte con aviso laranxa desde primeira hora.

A Xunta chamou á prudencia os cidadáns, aos que lles lembra a importancia de manterse afastados de diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as precaucións á hora de realizar actividades no mar, e revisar cabos e amarres das embarcacións.

Este domingo ventou moito, ademais de nas localidades da Mariña luguesa, na Costa da Morte, tamén en aviso laranxa desde o mediodía do domingo por ventos de forza 8.

As precipitacións máis intensas con ballóns producíronse no oeste da Coruña. En Santa Comba xa acumularon máis de 104 litros por metro cadrado.

Aviso amarelo por choiva

Do mesmo xeito, hai aviso amarelo por acumulacións superiores aos 40 litros por metro cadrado en doce horas na provincia de Pontevedra, no oeste e suroeste da Coruña e no sur de Ourense.

Nas últimas horas tamén se recolleron cantidades importantes de chuvia en Lousame, con rexistros de 80 litros por metro cadrado en doce horas. Tamén se achegaron a esa cantidade en Noia ou no Val do Dubra.

Para a noite, a cota de neve descenderá dos 1.300 metros ata os 1.200 nas montañas de Lugo e Ourense. Na xornada de Reis sitúase nos 1.000 metros coas temperaturas en lixeiro descenso.

Imaxes de Torelo,en Vimianzo coa auga nos campos

Incidencias polas chuvias

Nalgúns lugares as precipitacións causaron anegamentos nas estradas e acumulacións de auga, pero non houbo problemas maiores.

En Vimianzo a auga deixou campos asolagados pero sen chegar ás casas.  Antes xa de chegar ao centro de Vimianzo, atopamos ríos e regatos cheos e parte dos campos máis próximos ás beiras anegados.

No lugar de Torelo, un veciño explícanos que desta vez houbo sorte porque noutras ocasións tenlle entrado a auga na casa.

Aquí xa entrou dentro, entrou, e algunha vez andou cerca", puntualiza.

Outros veciños dinnos que foi de noite cando choveu máis, pero que xa estivera caendo bastante na tarde do sábado. 
Dentro da vila, un dos lugares onde se acumulou máis agua son as áreas próximas ao cemiterio.

"Saíu algo por aquí, porque aquí sae rápido, pero outras veces ten chegado ata aí arriba", afirma un home.

A veciñanza asegura que episodios coma este téñenos tres ou catro veces ao ano.

"Ao lado da nosa casa si que hai bastante auga porque vivimos no medio do campo pero creo que inundacións no río coma outras veces non houbo", precisa unha muller.
"É habitual que desborde o río e será que xa estamos afeitos que non nos chama a atención", engade outra.

En Protección Civil confirmáronnos que a auga non chegou a baixos nin a garaxes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade