A romaría de Santa Minia en Brión estrea a declaración de Festa de Interese Turístico
A romaría atrae multitudes desde moitas localidades do país
A festa remata esta noite cunha verbena despois do concerto de Luar na Lubre
Desde o venres festexan a Santa Minia en Brión con teatro, música tradicional e concertos. Durante toda a semana houbo actos relixiosos pero este domingo é o día grande.
"Veño de Redondela, hai que agradecerlle que nos dea saúde. É o principal". "Da parte de Muxía, a ver se a Santa Minia nos fai algo. Pedirlle algo bo que o malo vén só". "Xa viñan meus tíos, viñeron sempre os meus avós e miña nai, e nós seguimos coa tradición", contan algúns dos asistentes.
Esta romaría, que data do século dezanove, ten sona en todo o país e atrae centos de visitantes. Este ano estrea a declaración de festa de interese turístico de Galicia.
"É unha santa á que lle teño devoción". "Non creo que me vaia poñer nova, non, paréceme que se derreada estaba, vou seguir derreada". "Nós levamos trinta e tantos anos vindo e aos fillos trouxémolos mentres foron pequenos, pero así que foron adultos dixeron: 'Non imos máis'", explican outras romeiras.
Luar na Lubre actuará ao serán co espectáculo co que o grupo celebra o seu corenta aniversario. A festa rematará pola noite cunha verbena.