A segunda fase da operación saída do Nadal comeza cun falecido en Galicia
Un home morreu ao bater o seu coche contra outro no concello de Carnota, na parroquia de Lira
A primeira fase do operativo especial de Tráfico deixou 29 vítimas mortais na rede viaria española
A segunda fase da operación especial de tráfico do Nadal botou a andar este venres ás tres da tarde con poucas complicacións nas estradas pero cunha primeira vítima mortal en Galicia.
Un home faleceu no concello de Carnota ao bater o coche que conducía contra outro á altura de Lira. Outras dúas persoas quedaron feridas.
O balance da primeira fase do operativo, que comezou o pasado 20 de decembro, deixa 29 persoas mortas nas vías interurbanas estatais.
A Dirección Xeral de Tráfico pide extremar a precaución por bancos de néboa en estradas de Galicia e Castela e León.
Dende este venres e ata as doce da noite do mércores 1 de xaneiro, a DXT prevé 6,4 millóns de desprazamentos de longo percorrido polas estradas españolas.
Insiste na necesidade de prestar máxima atención nos traxectos curtos e nocturnos, aínda que sexan coñecidos, e evitar poñerse ao volante cando se bebe alcol.