A Xunta amplía ata o 18 de xaneiro a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid
Arredor de 750.000 persoas xa se vacinaron fronte á gripe
A vacina é o mellor xeito de evitar cadros graves e de cortar a transmisión
A Xunta vai ampliar ata o sábado 18 de xaneiro a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid para facilitar a protección contra as infeccións respiratorias agudas a todas aquelas persoas dos grupos de risco que aínda non se vacinaron.
Ao redor de 750.000 persoas xa se vacinaron fronte á gripe no que vai de campaña. De momento non hai moitos casos, e son de gripe B, pero xa se contan 27 pacientes ingresados en planta e 3 en UCI. Sanidade conta con que a partir de Nadal se multipliquen os casos da variante A.
O Goberno galego informa nun comunicado de que o día 23 de decembro comeza a recaptación nos hospitais do Servizo Galego de Saúde para as persoas de 60 a 69 anos que aínda non se vacinaron, máis dun 50 %.
Indica, ademais, que no distrito sanitario da Coruña manterase aberto o recinto de Expocoruña, e que continúa dispoñible a autocita a través da aplicación Sergas Móbil para recibir a vacina.
"Mesmo así parécenos interesante seguir ofrecendo a posibilidade de inmunizar as persoas máis vulnerables e por iso ampliamos o prazo ata mediados de xaneiro. Como dicía a autocita segue aberta e calquera persoa pode pedir cita e ir a vacinarse", explicou Marta Piñeiro, directora do Centro Galego para Control e Prevención de Enfermidades
Ofrécense as vacinas da gripe e da covid, e como é sabido, é especialmente importante que as poñan as persoas vulnerables, os seus conviventes, os sanitarios e o persoal que traballa con nenos. A vacina é o mellor xeito de evitar cadros graves e de cortar a transmisión.
Despois de chegar ao obxectivo na poboación infantil ao superar o 60 %, o Goberno galego fai un chamamento á vacinación de maiores de 60, embarazadas e sanitarios.