Publicador de contidos

Publicador de contidos

A XVII Feira de Arte Galega reúne na Coruña 1.500 obras orixinais

A XVII Feira de Arte Galega reúne na Coruña 1.500 obras orixinais

A mostra é un proxecto impulsado polo recentemente falecido Manuel Villarino

G24.gal 28/12/2024 20:53 Última actualización 28/12/2024 21:26

Visitar a Feira de Arte Galega xa é unha tradición do Nadal coruñés. Durante dezasete anos a mostra foi un proxecto persoal do pintor Manuel Villarino, empeñado en darlle un espazo ao talento de creadores emerxentes e convencido de que a arte é para todos.

Villarino faleceu hai unha semana, pero a feira segue adiante coa mesma mirada xenerosa do seu impulsor.

A enerxía e o carácter alegre do artista están atrapados nos seus lenzos. Ás portas de cada Nadal, adoitabamos conversar con el co gallo da Feira de Arte Galega, un espazo de encontro para artistas consagrados e novos creadores, un lugar cálido no que descubrir ou redescubrir a arte.

"Isto é posible grazas ao espírito de Manuel. El non fundou unha galería, é unha feira de arte, unha feira que ofrece moitísimas posibilidades. Aquí é doado entrar, buscar e escoller a obra que che entre polos ollos", explica Xulia Weinberg, colaboradora de Villarino e agora ao frente da feira.

O entusiasmo do pintor coruñés fixo posible que obras de Lugrís, Abelenda ou Cabezas compartiran parede co traballo de pintores talentosos, pero pouco coñecidos, como Tulka Quelume, que causou sensación coas súas cidades de papel. Moitos creadores agradecen a oportunidade que lles brindou Villarino.

"A min e a moitos de nós deunos a oportunidade de crer en nós mesmos, de que a xente e outros artistas puidesen ver as nosas obras", conta Xulia.

Manuel Villarino faleceu sete días despois da inauguración da mostra. Pesa a ausencia, pero a Feira de Arte Galega segue adiante, abrazada á mirada xenerosa do pintor. Poden visitala no Hotel Hesperia ata o cinco de xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade