Morre un home de 40 anos nunha colisión frontal en Antas de Ulla
Conducía un dos vehículos implicados nunha colisión frontolateral rexistrada na N-640
Un home de 40 anos morreu nun accidente de tráfico rexistrado en Antas de Ulla, no quilómetro 135 da estrada N-640. O sinistro consistiu nunha colisión frontolateral entre dous coches, logo de que o condutor dun dos vehículos implicados invadise o carril contrario.
Á espera de que os especialistas da Garda Civil reconstrúan os feitos, non se descarta que se tratase da propia vítima mortal, que ao parecer non levaba posto o cinto de seguridade.
Ata o lugar, situado moi preto do límite con Monterroso, desprazáronse de inmediato efectivos da Garda Civil e mais os sanitarios nunha ambulancia medicalizada. Así e todo, nada puideron facer para lle salvar a vida á vítima, que era veciño da contorna.
Os primeiros en chegar ata o punto onde se produciu o choque, coñecido como a curva dos Carreiros, foron os integrantes do Grupo de Emerxencias Supramuninicipal de Monterroso, que se ocuparon de extraer o falecido do interior do coche.
Fernando Otero, coordinador do GES de Monterroso: "Non respondían as constantes vitais. Comprobámolo dúas veces, co médico do 061 ao teléfono, pero non respondía. Esperamos ata a chegada da ambulancia, que foi rápida, e procedemos a extraer o corpo do vehículo".
O finado, residente na parroquia de Peibás, no mesmo concello de Antas de Ulla, deixa orfos tres menores de curta idade. Pola súa parte, o condutor do outro vehículo implicado, que circulaba en sentido a Lugo, saíu ileso.