Administradores de predios de Galicia piden ás comunidades de veciños medidas de aforro de auga
As piscinas ou a rega de zonas verdes son dúas das propostas
En comunidades de vivendas con piscina, estas instalacións supoñen un elevado consumo de auga. De aí que a principal medida proposta polo Colexio de Administradores de Fincas de Galicia vaia encamiñada a reducilo.
"É moi importante facer unha posta a punto axeitada. Que o técnico cualificado do mantemento das piscinas as revise, que non haxa filtracións nin fendas, porque por aí é por onde se perde moita auga. Que se empreguen adecuadamente as depuradoras e, se é posible, que se utilicen sistemas de reciclado da auga", detalla Teresa Suárez, vicepresidenta do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia.
Outra medida: evitar o uso de auga potable para a rega en xardíns e zonas verdes. "Non usar auga potable para determinados labores en zonas comúns é importante. Quizais o custo dun sistema para reciclar a auga é elevado, pero acábase recuperando".
Nas súas propostas teñen en conta os anuncios realizados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía. E así o aclara Teresa Suárez cando sinala: "A petición vén dada polo anuncio dun verán moi seco en toda España e tamén en Galicia".
Piden actuar con antelación para previr posibles cortes ou racionamentos de auga na época estival.