Air Europa cancela unha vintena de voos na fin de semana, dous en Alvedro, pola folga dos pilotos
Os traballadores manterán os paros ata o 2 de xullo

Máis de vinte voos, en concreto 22, víronse afectados esta fin de semana pola folga que manteñen os pilotos de Air Europa desde mediados do mes de xuño.
A empresa cancelou o sábado dez conexións e este domingo serán un total de doce os avións que quedarán en terra. En Galicia tamén afectan os paros e esta xornada, á terminal de Alvedro.
Son dous os voos cancelados, o que viña de Madrid ás 10:35 da mañá e o mesmo voo, que saía da Coruña rumbo á capital contra o mediodía.
Os traballadores denuncian que a empresa incumpriu o preacordo verbal de actualización salarial, o que xa provocara paros no mes de maio. As novas xornadas de folga comezaron o 19 de xuño e van continuar ata o día 2 de xullo, unha época especialmente complicada ao coincidir coa escollida por moitos para iniciar as súas vacacións estivais.
A compañía ofrécelles aos afectados pola folga un cambio de voo nos 30 días posteriores á data do orixinal e na mesma ruta ou elixir outra a outro destino operado por Air Europa nun prazo de tres días anteriores ou posteriores á data orixinal do voo.
Tamén poden gardar o importe do billete nun bono para usar noutro voo máis adiante.