Aitana, Bruno e Olivia convértense nos primeiros bebés galegos do 2023
Aitana naceu en Santiago unha hora despois das badaladas
Bruno, de Pontevedra, foi o segundo e Olivia, de Vigo, a terceira
Aitana é oficialmente a primeira bebé galega do 2023. Segundo os datos facilitados polo Sergas, naceu no hospital Clínico de Santiago ás 01:02 horas e pesou 3.540 quilogramos. A súa nai, Lara, e o seu pai, Antonio, non puideron celebrar a Noitevella na casa pero si o Aninovo con dobre festa.
Tamén Elena e Manuel teñen dous acontecementos que conmemorar nesta data. O seu fillo Bruno, que chegou ao mundo ás 01:25 horas no hospital Provincial de Pontevedra, converteuse no segundo bebé do ano. Pesou 3.330 quilogramos.

A terceira, Olivia, naceu tan só 19 minutos máis tarde no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Sandra e Abel tamén festexan por partida dobre este 1 de xaneiro no que o nacemento da súa nena, que pesou 3.300 quilogramos, lles impediu despedir o ano do xeito tradicional.
