Alertan do aumento da miopía entre os cativos por abuso de móbiles e tabletas en idades temperás
Os expertos sinalan que vivimos unha "pandemia de miopía" e en nenos cada vez de menor idade
Oftalmólogos e optometristas desaconsellan as pantallas antes dos sete anos e os xoguetes con luces ou sons estridentes
Á hora de mercar xoguetes neste Nadal, recomendan os interactivos e os que fomentan unha aprendizaxe divertida
Os xoguetes son fundamentais para o crecemento dos bebés e de xeito especial para a súa saúde visual, por iso cómpre elixir ben aqueles obxectos cos que brincar dende moi cativos.
Os expertos desaconsellan as pantallas nos primeiros anos de vida. E a partir dos sete anos, limitar o seu uso a só uns minutos ao día. O seu efecto é moi nocivo para uns órganos visuais aínda en formación.
As consecuencias son moi graves porque aumentou de xeito exponencial a miopía en nenos cada vez máis cativos.
O remedio pasa por deixar as pantallas e volver xogar en espazos abertos, cos amigos e sen apenas obxectos. Así que moito ollo ao que se pide nas cartas ao Apalpador, os Reis Magos ou Papá Noel, porque convén non xogar coa vista.