Publicador de contidos

Publicador de contidos

Batacazo na bolsa das tecnolóxicas estadounidenses despois de que A China crease unha lA en só 2 meses

Batacazo na bolsa das tecnolóxicas estadounidenses despois de que A China crease unha lA en só 2 meses

Nvidia, creadora de ChatGPT, caeu 600.000 millóns este luns. É a maior caída diaria da historia

A China precisou só seis millóns de presuposto e dous meses para crear unha aplicación equivalente a ChatGPT

DeepSeek está a liderar as listas de descargas de App Store nos Estados Unidos 

 

G24.gal 27/01/2025 18:41 Última actualización 27/01/2025 22:47

Terremoto nas bolsas dos Estados Unidos pola irrupción da empresa chinesa de intelixencia artificial DeepSeek. A onda expansiva golpeou a industria do chip e das enerxéticas de todo o mundo. A compañía estadounidense Nvidia, considerada ata hoxe máis valiosa do mundo,  perdeu uns 600.000 millóns de dólares nunha soa xornada, unha perda nunca antes rexistrada.

Deseñouse en dous meses e custou menos de seis millóns de euros. O novo modelo de intelixencia artificial chinés usa chips moito menos potentes cun resultado similar ao das grandes tecnolóxicas norteamericanas, que por primeira vez, ven o seu liderado en cuestión. O resultado, un batacazo sen precedentes nas bolsas.

"Os máis pesimistas din que similar ao que sucedeu coa burbulla das 'puntocom' nos anos 90, cando apareceu Internet, e os optimistas pensan que só é unha corrección de valor. Eu creo que hai que quedar nun punto intermedio. Vai haber unha corrección, pero non vai ser o final das empresas tecnolóxicas norteamericanas", explica a economista María Cadaval

A inesperada popularidade da compañía chinesa DeepSeek no mercado da intelixencia artificial (IA) ameaza o éxito do fabricante de semiconductores Nvidia e acentúa a guerra entre Estados Unidos e o país asiático por facerse co dominio mundial desta tecnoloxía.

DeepSeek está a liderar as listas de descargas de App Store en EUA e A China grazas a unha innovadora aposta polo código aberto, os baixos custos e a eficiencia.

O seu éxito afectou este luns especialmente a Nvidia, cuxas unidades de procesamento gráfico (GPU) son especialmente importantes para o desenvolvemento da IA, a mesma que a levou a ser a compañía de maior capitalización bolsista do mundo.

O afundimento da cotización das accións de Nvidia, que chegaban a caer este luns ata un 17% na apertura de Wall Street, exemplifica este luns o impacto nos mercados dos bos resultados do asistente de IA desenvolvido pola chinesa DeeepSeek, en comparación cos modelos impulsados polas multinacionais occidentais como OpenAI ou Meta, provocando unha importante corrección nos valores vinculados a este nicho tecnolóxico.

O índice Nasdaq de Wall Street, que aglutina as grandes tecnolóxicas de Estados Unidos, incrementaba a súa caída a media sesión ata o 3,3 %

O afundimento de Nvidia ante o temor ao impacto que o éxito de DeepSeek poida chegar a ter na demanda de michochips de alta gama era secundado polas fortes caídas doutros fabricantes como Broadcom (-14,6%); AMD (-4,77%); Arm Holdings (-8,4%) ou Micron (-9,8%), así como dos holandeses ASML (-7,2%) e ASM International (-11%).

Outras caídas significativas este luns en Europa correspondían ao fabricante BE Semiconductor, cun retroceso de máis do 6%, mentres que a alemá Infineon deixábase máis dun 2%.

Así mesmo, na Bolsa de Toquio, a cotización dos valores relacionados tamén sufriu importantes caídas este luns, con descensos do 4,90% para Tokyo Electron e do 8,6% para Advantest.

Á marxe do xeneralizado afundimento entre os fabricantes de microprocesadores a ambas as beiras do Atlántico, o impacto de DeepSeek sobre as expectativas do mercado tamén se facía notar na cotización de empresas de subministración enerxética ante o temor a que a demanda de enerxía da IA sexa inferior á esperada.

Deste xeito, a cotización da eléctrica estadounidense Vistra afundíase máis dun 23%, mentres que a de GE Vernova caía un 17,7% e Aresta un 16%. Do seu lado, compañías de subministración eléctrica como Eaton ou NRG deixábanse entre un 12% e un 13%, respectivamente.

Deepseek asalta as descargas do Iphone

DeepSeek, o asistente de IA xenerativa desenvolto pola empresa chinesa do mesmo nome, coroouse esta fin de semana como a app máis descargada para o iPhone, por diante da popular ChatGPT, da estadounidense OpenAI, segundo os datos da súa tenda de aplicacións facilitados por Apple.

O asistente gratuíto de IA da compañía chinesa atraeu a atención ao ofrecer un rendemento competitivo, a pesar de utilizar teoricamente uns chips de menor custo e menor cantidade de datos cun modelo de código aberto, o que podería poñer en cuestión o impulso para os fabricantes de microprocesadores de gama máis alta e a capacidade de fixar prezos dos xigantes estadounidenses.

Nas súas redes sociais, DeepSeek asegura defender o espírito de código aberto e o longo prazo para impulsar unha IA xeral inclusiva, o que acompaña de información sobre os detalles dos seus progresos co fin de "ver como se reduce a brecha entre os modelos abertos e pechados".

Así mesmo, despois do lanzamento a principios de mes do seu modelo de DeepSeek-R1, a compañía chinesa afirmou alcanzar un rendemento a par dos últimos modelos de OpenAI en tarefas como matemáticas, razoamento da linguaxe e codificación, a pesar de realizar un investimento inferior no seu adestramento.

A compañía chinesa foi fundada en 2023 polo emprendedor chinés Liang Wenfeng, cofundador do fondo High-Flyer, principal apoio da compañía desenvolvedora de DeepSeek.

A crecente popularidade da app chinesa de IA xenerativa serviu este luns de catalizador nos mercados para unha significativa corrección na cotización dos valores relacionados con este nicho tecnolóxico tanto no Xapón como en Europa e os futuros de Wall Street.

Momento Sputnik para a IA

Sobre a app chinesa, Marc Andreessen, asesor de Trump e un dos investidores de capital risco máis influentes en Silicon Valley, non escatimaba eloxios ao asegurar que Deepseek R1 "é un dos avances máis sorprendentes e impresionantes que vin xamais e, como código aberto, un grande agasallo para o mundo". "Deepseek R1 é o momento Sputnik da IA", afirmaba para poñer de relevancia o impacto que pode chegar a supoñer no sector.

Do seu lado, nun artigo publicado en 'Financial Times' pola profesora Angela Zhang, esta avisa de que DeepSeek non é un caso illado, senón que as empresas chinesas víronse forzadas polas restricións impostas desde Estados Unidos a gañar en eficiencia e acurtar a brecha coas compañías estadounidenses.

"Os logros da China en materia de eficiencia non son accidentais. Son unha resposta directa ás crecentes restricións á exportación impostas por Estados Unidos e os seus aliados. Ao limitar o acceso da China a chips de IA avanzados, Estados Unidos estimulou inadvertidamente a súa innovación", sostén.

Neste sentido, desde ING Research apuntan que o Nasdaq 100 podería estar a piques de sufrir a súa maior caída desde 2022, sinalando que DeepSeek "podería cambiar as regras do xogo" ao cuestionar as enormes cantidades de diñeiro que os actores tecnolóxicos tradicionais, os chamados '7 Magníficos', estiveron investindo no desenvolvemento de IA.

"É un desafío potencial importante para as empresas tradicionais e estanse expondo preguntas sobre os miles de millóns de dólares que investiron no desenvolvemento dos seus propios modelos de IA", apuntan os analistas da entidade holandesa, para quen DeepSeek estaría a demostrar que se pode facer máis coa potencia informática existente do que se cría anteriormente e quizá non sexan necesarias os enormes investimentos en potencia de cálculo.

Así mesmo, Russ Mould, director de investimentos de AJ Bell, apunta que DeepSeek representa "un novo competidor da IA na cidade e os investidores están asustados polo que descubriron", despois de que a empresa chinesa revelase como construír un gran modelo de linguaxe cun orzamento limitado que funciona con chips de menor custo e menos datos.

"A supercarreira da IA está a ver xurdir novos adversarios e non todos van gañar. As empresas que gozaban da vantaxe de ser pioneiras agora estarán baixo presión para lanzar algo aínda mellor ou quedar atrás", engade Mould.

"Estados Unidos, tanto con Donald Trump como anteriormente con Joe Biden, estivo tratando de impedir que A China acceda á tecnoloxía occidental. Esa estratexia podería fracasar, xa que parece alentar A China a intensificar os esforzos para construír a súa propia tecnoloxía e agora estamos a ver evidencia de que o país está a facer ondas", apostilou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade