Antonio Rial: "O mal uso da Internet entre adolescentes é un problema de saúde pública"
Un de cada tres fai un uso problemático da rede
Un de cada tres adolescentes en España fai un uso problemático da Internet. Antonio Rial Boubeta, o responsable científico do macroestudo que revelou este dato, realizado desde Galicia en colaboración con Unicef entre 50.000 rapaces, aproveita o pulo do premio que acaban de recibir da Axencia Española de Protección de Datos para incidir na necesidade de actuar.
"Os datos que se poñen enriba da mesa mostran que é un problema de saúde pública. Un de cada tres rapaces de entre 12 e 16 anos, en España e en Galicia tamén, teñen un alto grado de interferencia. Hai unha pasada de freada que implica un peor benestar emocional, conflitividade, peor rendemento académico".
O responsable científico do estudo subliña que non hai que demonizar a rede pero que é preciso un soporte emocional e de valores para usala de forma responsable.
"Hai que investir en competencias humanas e dixitais nos centros educativos. A administración ten que instar a desenvolver normas a nivel legal. A industria dos videoxogos, dos xogos, das redes sociais, ten que responsabilizarse".
Antonio Rial alerta de que entre un 3 e un 4 por cento dos estudantes de ensino secundario obrigatorio fan apostas en liña e que a taxa de lectores entre os que abusan da Internet é un vinte por cento inferior. Puntualiza que os pais teñen tamén un papel relevante fronte ao problema.
"Cando os pais na casa establecemos normas e límites, cando non permitimos que se durma co teléfono móbil na mesa de noite; con cousas tan doadas coma esas, as taxas deses problemas descenden á metade".