Arden 20 hectáreas de monte nun incendio en Padróns, que xa está estabilizado
Os primeiros vestixios indican que puido ser intencionado
Varias dotacións de bombeiros e axentes forestais traballaron durante toda a noite para sufocar un incendio nos montes da parroquia de Padróns, en Ponteareas. Polo momento, o lume está estabilizado, pero non controlado.
Os veciños da Gateira, no Castro, deron aviso ao teléfono 085. As lapas estaban a 500 metros da súa casa, na olleira de Alén, onde cren que puido comezar o incendio.
Aínda non eran as once da noite e os primeiros medios chegaron pasadas as once e media, cando o lume xa era de consideración.
Toda a noite cinco brigadas, catro motobombas e 4 axentes forestais traballaron arreo. Aínda que esta é unha zona resgardada do vento o incendio non foi doado de atallar.
Aínda que a investigación está en curso, os vestixios indican que foi un incendio intencionado. De feito á mesma hora comezaba outro en Mondariz que se puido frear no seu inicio.
En Padróns arderon unhas 20 hectáreas de monte. Durante todo o día os axentes permanecen na zona para mollar a terra e controlar a área.