Os incendios de California devoraron xa 15.000 hectáreas e hai dezaseis desaparecidos
Os incendios que comezaron o martes deixan polo momento dezaseis persoas falecidas
Os expertos cren que os fortes ventos poden complicar ainda máis a situación
O lume segue o seu avance devastador en California. Na área de Palisades, onde se ergueron os barrios de luxo ocupados por ricos e famosos, é onde as lapas están a facer máis dano. O incendio só está controlado nun 11%. e a alerta vermella continuará polo menos ata o mércores. Non hai espazo para o optimismo, malia que noutras zonas a perspectiva é algo mellor.
A xeito de resumo global, o lume arrasou xa 15.000 hectáreas, destruíu 12.000 estruturas, causou a morte de dezaseis persoas e outras tantas están desaparecidas. O panorama inmediato non é alentador.
Polo momento deixa un balance de 16 vítimas mortais e outras tantas persoas desaparecidas, segundo datos das autoridades locais.
O alguacil do condado, Robert Luna, teme que esta cifra aumente nas vindeiras horas, sobre todo nos incendios de Eaton e Palisades, os dous máis grandes e destrutivos. Ademais, nunha conferencia de prensa, deu conta da detención de 29 persoas nas zonas afectadas.
Centos de bombeiros tentan conter as lapas antes de que volvan os ventos fortes, previstos para este luns.
"As condicións meteorolóxicas están a empeorar", di Daniel Swain, experto climático da Universidade de California.
Este domingo divulgábanse imaxes aéreas do incendio, que dan unha idea da enorme devastación causada por unha converxencia de temperaturas altas no inverno californiano, fortes ventos e unha seca arrastrada desde hai meses.
En medio de todo isto, a polémica política. Donald Trump fala da icompetencia das autoridades californianas, mentres o gobernador deste estado, o demócrata Gavin Newson, acúsao de propagar desinformación sobre o que está ocorrendo.