As administracións de lotaría do centro de Vigo venden máis co turismo das luces de Nadal
As administracións de lotaría galegas apuran as vendas sete días antes de se celebrar o Sorteo Extraordinario de Nadal, que reparte máis de 2.700 millóns de euros
Dende que os turistas das luces invaden a cidade as vendas de décimos de lotería para o Sorteo Extraordinario de Nadal non deixan de medrar
Dentro de sete días os nenos de San Ildefonso cantarán os números da fortuna no Sorteo Extraordinario de Nadal. Máis de 2.700 millóns de euros a repartir entre todo un país. E as administracións de lotaría apuran as vendas.
Especialmente as administracións que teñen un historial de dar premios gordos. É o caso do establecemento da Porta do Sol de Vigo que o deu en 2018, no ano 2020, o da pandemia, e o ano pasado. Ademais de ir polo cuarto, aquí, á hora de vender moitos décimos, suma outro factor. A localización ao pé das luces e da árbore xigante fai que os turistas aproveiten a viaxe para mercar fortuna. Non vaia ser.
Como en todas as administracións desde case setembro non hai terminacións en 7 nin en 13. Pero como nos di o dono desta administración, o feito é que todos os números estarán no bombo.
Nesta administración de lotarías da Porta do Sol dende que os turistas das luces invaden a cidade as vendas de décimos para o Sorteo Extraordinario de Nadal non deixan de medrar.
"De toda España e Portugal. Foi unha auténtica tolemia toda a xente que pasou por esta cidade. O sábado igual. Na praza un non se podía mover. A ringleira de clientes non sabiamos se era para arriba ou para abaixo. Había xente que dicía que levaba 45 minutos agardando. Entón as vendas foron moi ben", conta Juan Fernández Vázquez, o dono da administración de Lotaría da Porta do Sol en Vigo.
E fama esta administración de lotarías si que ten. Levan xa tres premios gordos e van polo cuarto. Os turistas sábeno e case se ven obrigados a entrar. E se volve tocar, eu pasei por alí e non o levei?
"É case como se me tocase a min. A ledicia e a ilusión. E ademais cando ves a xente agardando con paciencia para coller un número. É que algo hai. A emoción é moi grande", engade Juan Fernández Vázquez, o dono da administración de lotaría da Porta do Sol de Vigo.
Aínda que hai outros sorteos durante todo o ano que reparten premios moito máis cuantiosos, o Extraordinario de Nadal move algo máis que o desexo de ser rico. O Gordo pode tocar a 1.930 persoas repartidas por todo o territorio español.