As chamadas árbores do amor enchen de cor as cidades coincidindo coa chegada da primavera
En Galicia non chegou ata os anos 50 do século pasado e pode atoparse en moitas cidades
Tamén recibe o nome de árbore de Xudas ou de Xudea, de onde se cre que é orixinaria
Chama a atención pola súa densa floración cor rosa. Tanto que hai quen non se contén e ten que deterse ao pasar ao seu carón. O exemplar máis vistoso é o que está situado xusto diante da Subdelegación do Goberno, que recibe os raios de sol desde primeira hora da mañá.
Unha das súas denominacións máis populares é a árbore do amor, polas súas follas en forma de corazón. O seu nome xenérico é Cercis, unha especie da familia das leguminosas. En Galicia non chegou ata os anos 50 do século pasado e pode atoparse en moitas cidades. Tamén recibe o nome de árbore de Xudas ou de Xudea, de onde se cre que é orixinaria.
Na Coruña estas árbores do amor están espalladas por diferentes puntos da cidade, como a praza de Santa Catarina, onde hai varios exemplares aos que aínda lles queda moito por florear para lucir con todo o seu esplendor. O mesmo ocorre con outro exemplar situado a escasos metros, na rúa San Andrés. É a árbore do amor máis antiga da Coruña, que, coa chegada da primavera nos próximos días, encherá de cor este recuncho da cidade.