A chuvia bota a perder boa parte da colleita de inverno nas hortas galegas
A terra non dá absorbido máis auga e están a podrecer os cultivos, que ademais precisan de temperaturas máis baixas
A cantidade de auga que está a caer sen pausa nas últimas semanas é excesiva. A terra non dá drenado o que chove e iso está a arruinar a colleita de nabizas, leitugas e coliflores.
Medio metro de altura acadou a auga nun dos invernadoiros que Alberto Amil ten no Salnés. Unha auténtica lagoa que mata a leituga que plantou en setembro e que ía recoller dentro duns días. "Así vista de lonxe parece unha cousa, pero cando vas abrindo está chea de lama", explica.
Corenta e catro mil pés botados a perder, catro mil metros cadrados de colleita totalmente estragados. "Eu teño un cen por cento de perdas, aínda que se vexa verde está todo estragado", explica Alberto que pertence a unha cooperativa onde, con algo máis de sorte, as perdas alcanzan o cincuenta por cento da produción.
Auga e calor, que afecta tamén á calidade do produto, tanto baixo plástico como ao aire libre. "Coas temperaturas que estamos tendo, altas, son leitugas de inverno non collen o peso", explica Neida Vila, técnica de Horsal.
"Non hai nabizas, as coliflores queimáronse un pouquiño, o repolo está rebentado. Vai ser un ano complicado para o nadal. Non vai haber moito produto galego", di Gustouvo Souto de Ecohorta Millarada.
As chuvias non dan tregua e a terra non dá drenado a tempo para unha nova colleita e ademais dos cultivos, os agricultores deben facer fronte tamén aos danos ocasionados nas instalacións. Toca agora pelexar cos seguros para non perder tampouco unha mínima indemnización.