As turbulencias a bordo dun avión deixan doce feridos
Ocorreu nun voo da aeroliña Qatar que ía de Doha a Dublín
É o segundo caso en menos dunha semana
Nesta ocasión ocorreu nun voo de Qatar Airlines, que ía de Doha a Dublín. As turbulencias afectárono cando sobrevoaba Turquía e se estaba ofrendo un servizo de comidas a bordo. O incidente durou só uns vinte segundos, pero doce persoas -seis pasaxeiros e seis tripulantes- sufriron feridas.
O avión, un Boeing 787-9, aterrou no seu destino ben e en hora. Os servizos de emerxencias, que estaban preparados para recibilo, avaliaron os afectados antes de desembarcalos e trasladaron oito deles ao hospital.
A compañía aérea fala de feridos leves e anuncia unha investigación interna do sucedido.
O martes, outro episodio de turbulencias, nun voo de Singapur Airlines, ocasionou a morte dun home e máis dun cento de feridos, unha vintena deles moi graves.
O avión ía de Londres a Singapur, pero aterrou de emerxencia en Bangkok. O sinistro ocorreu tamén cando a tripulación ía servir o almorzo e moitos pasaxeiros levantáranse ao aseo.