As vítimas do Alvia reclaman en Santiago unha investigación técnica independente
No noveno aniversario do accidente ferroviario, as familias dos falecidos volven á curva da Grandeira para recordar os seus seres queridos
Din que o xuízo que comeza en outono chega moi tarde e que hai familiares que nunca coñecerán o veredicto
As vítimas do Alvia manifestáronse esta mañá en Santiago no noveno aniversario do accidente de Angrois. Nesta ocasión a vista está posta no próximo mes de outubro cando comezará o xuízo dun sinistro que deixou 80 mortos e 144 feridos.
Un ano máis a marcha transcorreu desde a estación do tren ata o Obradoiro, e ademais de servir como recordo dos seus falecidos no accidente, foi de novo un acto de protesta pola instrución deste caso. As familias volveron esixir unha investigación independente e unha vez máis responsabilidades políticas.
Así insistía Esperanza Fernández, que perdeu a seu pai e a súa cuñada no accidente:
"Nove anos despois seguimos como ao principio pero máis enfadados. Con moito máis coñecemento e información. É un desgaste constante a peregrinaxe polas institucións, por Europa en busca do mesmo que levamos desde hai nove anos, que é xustiza, verdade e reparación"
E tamén Jesús Domínguez, voceiro da Plataforma de Vítimas do Alvia, e que viaxaba no tren hai nove anos:
"Tócanos seguir concentrándonos e reivindicando que se faga unha investigación técnica independente que todos os gobernos se negaron a facer nestes anos aínda que a Unión Europea o vén esixindo desde hai anos"
Algo que corrobora Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa:
"Europa dixo claramente no seu momento: non se fixo unha investigación independente e non se foi ás causas profundas do accidente. Recentemente hai unha sentenza que di que tampouco foron escoitadas as vítimas e que a CIAF non cumpriu a súa tarefa"
Con esta situación, o xuízo comezará o próximo 5 de outubro na Cidade da Cultura e as vítimas din que os 9 anos de demora non son casuais, como afirmaba Jesús Domínguez:
"É un xuízo que empeza coxo e débil. Alegrámonos pero tamén temos que dicir as cousas que pensamos que están mal na xustiza e nas institucións. Lamentablemente as vítimas pensamos que haberá unha sentenza pero non vai haber xustiza porque hai vítimas e familiares, pais, nais e irmáns que xa faleceron e para eles nunca haberá xustiza"
Esta tarde as familias volverán á curva da Grandeira para ver pasar o Alvia que hai 9 anos non chegou á estación.
Rueda recorda o suceso durante a entrega das Medallas de Galicia
Para as vítimas do Alvia e os servizos de emerxencias que traballaron hai oito anos nesa xornada negra tivo hoxe unhas palabras de lembranza o presidente da Xunta na entrega das Medallas de Galicia.
Alfonso Rueda tamén recoñeceu o traballo realizado na última semana polos que participan nos operativos de loita contra os incendios forestais.