As vítimas do Alvia reclaman este martes ante o Supremo unha investigación independente

A plataforma de afectados polo accidente ferroviario ocorrido en Angrois en 2013 defenderá o recurso de casación que presentou contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid

G24.gal 20/11/2023 18:41 Última actualización 20/11/2023 21:32

O Tribunal Supremo escoitará este martes, ás 10:00 horas, o recurso de casación presentado pola asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155, que representa afectados polo accidente ferroviario ocorrido en Angrois (Galicia) en xullo de 2013, contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. 

A asociación de vítimas reclama a apertura dunha nova investigación "independente" do sinistro en que morreron 80 persoas e 145 quedaron feridas. Ademais, recorreron contra a decisión do TSX madrileño de ordenar á CIAF reunirse para analizar e dar resposta á solicitude de levar a cabo novas exploracións.

As vítimas inciden en que o TSX debeu ordenar a renovación dos membros da comisión e debeu resolver se o silencio administrativo da CIAF á súa petición dunha nova investigación se axustaba ou non a Dereito. Así mesmo, a asociación sinala que o informe final sobre o accidente de Angrois realizado pola CIAF en maio de 2014 foi "elaborado coa intervención de persoal directamente involucrado no sinistro", por cuxa razón consideraba que non fora "independente".

A vista pública estará a cargo da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo, cos maxistrados José Manuel Bandrés, Isabel Perello e Eduardo Espín, este último será o responsable de redactar o borrador da sentenza.

O alto tribunal estudará o caso ao considerar que conta con "interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia" para determinar se a regulación da Comisión de Investigación de Accidente Ferroviarios (CIAF) "cumpre, en canto á súa creación, composición, designación dos seus membros, organización e competencia técnica as esixencias de independencia, imparcialidade e obxectividade".

Ademais, os maxistrados procurarán determinar cal é "a posición xurídica dos afectados en accidentes ferroviarios e das asociacións ou plataformas implicadas no relativo á intervención no procedemento de investigación de accidentes ferroviarios".

O presidente da asociación de vítimas Jesús Domínguez asegurou o día en que se presentou o recurso que lle parecía "lamentable" que, case unha década despois do accidente, as vítimas e familiares teñan que "seguir recurso a recurso, tribunal tras tribunal", á vez que afeou que "todos os gobernos, desde o PP e desde o PSOE con Podemos", os desprezasen e deban seguir "loitando" por unha "investigación independente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade