Aviso laranxa por temporal costeiro en todo o litoral de Galicia
A situación meteorolóxica dará orixe a ondas de ata seis metros

Segue a inestabilidade malia a entrada do anticiclón con aire frío siberiano que aparta as chuvias. A Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta activa para este luns un aviso laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa de que o fenómeno adverso comezará a primeira hora da xornada con mar combinado do noroeste e ondas de ata seis metros de altura entre Bares e Fisterra e de 4 a 5 no resto do litoral. Afectará a todo o litoral do país.
Emerxencias de Galicia lembra que é importante extremar a seguridade sobre todo na liña de costa, manterse lonxe do litoral e non aproximarse a diques, rompentes ou paseos marítimos. Recomenda tamén revisar os amarres das embarcacións e extremar a precaución no mar.
Hai tan só 48 horas tres mozos xogaron a vida para gravar un vídeo mentres rompían as ondas en punta Herminia na Coruña, actitudes que -advirten- son moi perigosas.