Axentes de paisano vixiarán na Coruña que os donos de cans recollan os excrementos
As multas por non o facer poden alcanzar os cincocentos euros
Na Coruña, as multas por non recoller os excrementos dos cans na rúa poden alcanzar os cincocentos euros, pero apenas se tramitan sancións porque a cidadanía incívica detecta a presenza da Policía Local.
Pero o Concello quere acabar coa picaresca e, a partir de agora, axentes de paisano velarán polo cumprimento da norma.
"Paréceme ben. A min cáganme diante da porta".
"Hai moitísimas cagadas no centro, é algo incívico", quéixanse dúas cidadás.
Son minoría, pero dabondo como para enervar os ánimos e tensar a convivencia. Os propios donos dos cans recoñecen que hai un problema.
"Aínda que teño can, vou descoidada por aí e eu tamén piso. Dá moita rabia, hai que ter hixiene".
"Hai que ser responsables. Temos un animal e hai que ser responsables deles en todo".
Na Coruña hai rexistrados ao redor de 32.000 cans, aproximadamente un por cada oito habitantes.