Brutal pelexa entre dous homes na contorna dun edificio ocupado de Ribeira
Un dos varóns golpeou cun asento de bicicleta ao outro a plena luz do día
As testemuñas din que a lea comezou na vivenda ocupada da rúa Xosé Ramón Barreiro
Brutal pelexa en Ribeira. Segundo as testemuñas, comezou no portal do edificio ocupado da rúa Xosé Ramón Barreiro e rematou preto da rotonda.
"Escoitei unha moza gritando, 'para, para', pedía auxilio porque dous homes estaban pegándose, pero un golpeaba máis ca o outro", di un veciño.
Despois dun intercambio de reproches, un dos varóns golpea fortemente o outro empregando un asento de bicicleta. A muller que os acompaña tenta mediar para que paren, pero non o logra. Tampouco responden ás advertencias dos veciños.
"Dixemos que pararan porque iamos chamar a policía. Aí baixaron do portal cara á rotonda do monólito, e seguiron, un non paraba de golpear o outro, que caeu no chan", engade a testemuña.
Malia os golpes recibidos, esta testemuña logrou ver como o agredido saíu polo seu propio pé da zona minutos despois. A Policía Local acudiu ao lugar pola chamada dos veciños, pero os homes xa se separaran e non houbo denuncias.
Segundo din veciños e comerciantes, as pelexas na contorna do edificio ocupado son habituais porque dentro, sospeitan, véndese droga.
"Tiran cousas desde o edificio, un colchón, mesmo unha fiestra... pelexan entre eles constantemente, e non marchan de aquí"
"Hai incendios no edificio, pelexas e moito tráfico de xente drogodependente que vén comprar", comentan dous veciños.
Non queren que se repitan escenas así e piden solucións urxentes para que o inmoble ocupado ilegalmente deixe de ser fonte de problemas.