Catro detidos dunha rede que explotaba laboralmente estranxeiros en Lalín
Hai tres persoas máis que están investigadas
Os catro detidos quedaron en liberdade con cargos

Catro persoas foron detidas e tres máis figuran como investigadas pola súa relación cun grupo desarticulado pola Garda Civil que explotaba laboralmente a estranxeiros na comarca pontevedresa do Deza.
Os catro detidos, segundo informou este venres o instituto armado, son de nacionalidade búlgara e acúsaselles de explotar, en colaboración cos outros tres implicados, nacidos en España, a traballadores estranxeiros coa promesa de regularizar a súa situación. A todos eles investígaselles polos delitos de trata de seres humanos na modalidade de explotación laboral, coaccións e favorecemento da inmigración ilegal.
A maxistrada do xulgado de instrución número dous de Lalín, en funcións de garda, decretou a posta en liberdade de tres dos arrestados, mentres que o cuarto xa quedara nesa situación tras declarar ante a Garda Civil. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informou de que como medidas cautelares impúxoselles a retirada do pasaporte, a prohibición de saída do espazo Schengen e a obrigación de presentarse cada quince días no xulgado.
A investigación da denominada operación Pitangus comezou en agosto de 2022 tras a denuncia presentada por un cidadán búlgaro que advertía da actividade irregular que estaba a realizar unha empresa dedicada á limpeza de granxas porcinas e avícolas.
Os traballadores sufrían condicións laborables abusivas, entre elas xornadas de máis de doce horas diarias de luns a domingo, non dispoñían de xornadas de descanso nin vacacións e tampouco tiñan un mínimo de condicións de seguridade e saúde laboral.
No rexistro do domicilio do xefe desta trama, os axentes da Garda Civil acharon 50.000 euros en efectivo e diversa documentación que avala toda a investigación.