Centos de persoas acoden na Coruña ao enterro dos falecidos no incendio de Vigo
Centos de persoas encheron este mediodía o cemiterio de Feáns, na Coruña, para despedir os catro familiares falecidos no incendio de Vigo.
Pasadas as 11:30 horas deste venres, foron achegándose ao camposanto coruñés xunto aos catro coches que formaban a comitiva.
Os familiares que despedían a Rosana e tres dos seus fillos, dúas nenas e un neno, non puideron conter os berros da dor nunha mañá marcada pola intensa chuvia.
Ademais de achegados e familiares, ao enterro acudiron representantes das familias xitanas de Galicia. A comunidade xitana declarou tres días de loito en sinal de respecto cara ás vítimas e as súas familias.
No incendio que afectou ao inmoble número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo na madrugada do pasado mércores, no que vivían unhas 30 persoas, faleceron unha muller e tres fillos seus, todos menores de idade.
O pai e outra filla, os cales foron rescatados polos bombeiros, permanecen hospitalizados en Vigo e A Coruña, respectivamente. Outras sete persoas resultaron feridas.